Europa experimentou un período de decadencia económica (1918-1924) trala Primeira Guerra Mundial debido a:
Destrucións da guerra
Inflación
Aumento do desemprego
Pago das débedas contraídas
A situación foi especialmente grave para Alemaña, que ademais tiña que afrontar o pago das reparacións impostas en Versalles, o que levou a un proceso de hiperinflación.
En 1923, ante a imposibilidade de Alemaña de seguir pagando as reparacións de guerra, Francia e Bélxica ocuparon a conca do Ruhr como compensación, empeorando o problema.
O Plan Dawes e a Bonanza Económica
En 1924, os EEUU puxeron en marcha o Plan Dawes para mellorar a economía dos países europeos, coa idea de que se Alemaña podía facer fronte ás reparacións de guerra, os aliados (Inglaterra, Francia, etc.) poderían á súa vez devolver a EEUU os préstamos realizados durante a guerra.
Iniciouse así un curto período de bonanza económica e de espírito pacifista, durante o cal:
Alemaña foi admitida na Sociedade de Nacións.
Se firmou o Pacto Briand-Kellog.
Este período durou ata a crise desatada en 1929.
A Gran Depresión Económica dos Anos Trinta
Tivo a súa orixe no chamado crac do 29, ou afundimento da Bolsa de Nova York, a máis importante do mundo, con repercusións negativas a escala mundial.
O crac foi o resultado da combinación de dous factores:
Superprodución: Durante a Primeira Guerra Mundial, os EEUU abasteceron de todo tipo de produtos aos contendentes, e rematada a contenda non axustaron a súa produción ao menor consumo.
Especulación no mercado de valores: Empresas e particulares xogaban na Bolsa para obter rápidos beneficios, facendo subir o valor das accións de empresas que non tiñan correspondentes beneficios.
En outubro de 1929, ante a venda masiva de accións, o valor das mesmas desplomouse, e empresas e bancos, e con eles moitos particulares, arruináronse.
A situación estendeuse por todo o mundo, dado o papel hexemónico dos EEUU a nivel económico, dando lugar a unha longa e fonda crise económica coñecida como a Gran Depresión.
Nos EEUU, a crise foi combatida eficazmente dende 1933 coas medidas económicas propostas polo presidente Franklin D. Roosevelt e coñecidas no seu conxunto como New Deal, que impoñía:
Unha intervención do Estado na economía.
A promoción de obras públicas para xerar emprego.
A subvención aos agricultores para que diminuisen a súa produción.
A protección ao traballador e mellora das condicións laborais e salariais.
A reestruturación do sistema financeiro.
Situación Política na Europa de Entreguerras: O Ascenso dos Totalitarismos
Trala Primeira Guerra Mundial, a maioría dos países europeos eran democracias, pero moi fráxiles dada a conflitividade social da posguerra e o temor a que triunfasen revolucións comunistas nos diferentes Estados.
A chegada da Gran Depresión fixo máis agudas as tensións sociais e arrastrou cara a solucións drásticas a enormes masas de empobrecidos e parados.
Os partidos tradicionais ou de tendencias moderadas foron substituidos polos extremismos de esquerdas e de dereitas, e neste ambiente xurdiron tres réximes totalitarios que serviron de patrón a outros Estados:
Facismo italiano
Nazismo alemán
Stalinismo soviético
Empregamos o termo totalitarios porque neles:
O Estado está por enriba do individuo e dos seus intereses, anulándoo.
O instrumento para conducir á sociedade adoita ser un partido único, cun líder carismático e autoritario.
As liberdades e os dereitos públicos e privados son suprimidos.
A Italia Fascista
Italia participou na Primeira Guerra Mundial co bando aliado, pero a paz trouxo consigo a decepción de non ver cumpridas as promesas de anexións territoriais, unha enorme débeda contraída e fortes tensións sociais.
Neste contexto, Benito Mussolini creou en 1921 o Partido Nacional Fascista cos seguintes presupostos:
Oposición á democracia e ao comunismo.
Submisión do individuo fronte ó Estado.
Partido único.
Control estatal da economía.
Militarismo e culto á violencia.
Se ben o seu éxito electoral era reducido, a súa presencia nas rúas exercendo a violencia contra os militantes de esquerdas e integrantes do movemento obreiro se fixo cotiá.
En outubro de 1922 organizaron a Marcha sobre Roma esixindo o poder, ao que accedeu o rei Victor Manuel III, quen chamou a Mussolini a formar goberno.
Tras unha etapa inicial na que se mantivo a ficción democrática, dende 1925 Mussolini implantou unha ditadura, proclamándose duce prohibindo todos os partidos políticos agás o Partido Fascista.
Características do Fascismo
Réxime totalitario e, como tal, antidemocrático
A liberdade individual quedaba subordinada ao Estado, dirixido por un líder todopoderoso (o duce) e apoiado nun partido único, o Partido Nacional Fascista.
Supresión dos partidos políticos e dos sindicatos.
O Estado interviña na economía, aínda que apoiaba a empresa privada.
O Estado dominaba a sociedade a través do control da educación, da cultura e dos medios de comunicación.
Culto á violencia e ao militarismo, manifesto nos símbolos, himnos, uniformes…
A violencia aplicouse para reprimir os disidentes e calquera idea ou conduta revolucionaria, xustificada por un anticomunismo exacerbado.
Nacionalismo expansionista, que esixía a creación dun imperio colonial para Italia.
O Nazismo Alemán
Trala derrota de Alemaña na Primeira Guerra Mundial, se estableceu unha república democrática coñecida como a República de Weimar, ameazada dende o seu nacemento polos partidos extremistas de dereitas e de esquerdas.
En 1919 Adolf Hitler vaise afiliar a un pequeno partido político que dous anos despois refunda como Partido Nazi, ao que engade as S.A ou Seccións de Asalto (grupo paramilitar).
Xa á fronte do mesmo, en 1923 lidera un golpe de Estado coñecido como o putsch de Múnic que fracasou e lle valeu algúns anos na cadea, durante os cales escribiu “A miña loita”, obra onde se recolle o seu ideario:
Rexeitamento da democracia
Primacía do Estado sobre o individuo
Culto ao xefe (führer)
Exaltación da violencia
Racismo (superioridade da raza aria) e antisemitismo
Teoría do espazo vital (dereito dos alemáns a conquistar outros territorios).
A Gran Depresión que segue ao ano 29, de enorme impacto negativo en Alemaña, arrastrou a unha parte da sociedade alemá a apoiar aos nazis, ante o perigo dunha revolución comunista, posibilitando o nomeamento de Hitler como chanceler en xaneiro de 1933.
A partir dese momento Hitler foi acaparando todos os resortes do poder, prohibindo todos os demáis partidos, ate convertirse en xefe do Estado no verán do 34, trala morte do presidente da República, proclamando o Terceiro Reich.
Para superar a crise económica, Hitler promoveu unha economía intervida polo Estado na que se deu prioridade á industria bélica (que só podía desembocar nunha nova guerra) logrando o pleno emprego.
A fin de devolver a “pureza racial” aos arios alemáns decretou o asasinato de enfermos e discapacitados e matinou o exterminio dos xudeus, perseguidos dende o propio ano 33 e para os que se determinou a Solución Final en 1942 que provocou o asasinato de millóns deles nos campos de exterminio.
Características do Nazismo
Réxime ultranacionalista, totalitario, antidemocrático, anticomunista e extremadamente violento.
O estado era dirixido por un líder todopoderoso, o führer (‘guía’), e sostido por un partido único, o partido nazi, que controlaba todos os aspectos políticos, sociais e económicos.
Goberno do terror, para evitar calquera tipo de oposición ao réxime e levar a cabo a limpeza étnica.
Racismo, que tivo como manifestación máis clara o odio exacerbado contra os xudeus. O nazismo propugnaba a superioridade da raza aria, encabezada polo pobo alemán, e recoñecía o seu dereito de se impoñer aos demais.
Intensa política propagandística do réxime e control da cultura e dos medios de comunicación.
Política exterior expansionista.
A Ditadura de Stalin
En outubro de 1917 triunfou a revolución que levou ao poder ao partido bolchevique con Lenin á cabeza.
En 1922 naceu a URSS (Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas) como enorme Estado plurinacional cuxa vida política estaba controlada por un partido único: o PCUS ou Partido Comunista.
Para estender a revolución fóra da URSS en 1919 creouse en Moscova a Terceira Internacional ou Internacional Comunista, que posibilitou a creación de partidos comunistas en moitos paises de Europa, como unha escisión dos partidos socialistas.
En 1924 morreu Lenin, iniciándose unha loita polo poder ate que se impuxo o liderado de Stalin dende o seu cargo de secretario xeral do PCUS.
Ate a súa morte en 1953, Stalin estableceu un réxime totalitario baseado nos seguintes aspectos:
Culto á personalidade
Reforzo do poder do PCUS
Ríxida censura e control da cultura
Recurso ao terror en forma de procesos xudiciais, que remataron con pena capital para todos aqueles que podían facer sombra ao ditador ou opoñerse aos seus desexos, e depuración de millóns de cidadáns enviados a campos de concentración (gulags) en Siberia.
A agricultura quedou relegada e supeditada ao desenvolvemento industrial.
A nivel xeral todas as actividades económicas quedaron baixo o control do Estado, e sometidas a unha rigorosa planificación nos plans quinquenais. A propiedade e a iniciativa privadas foron suprimidas.
No plano económico se potenciou a industria, especialmente a industria de base e bens de equipo, en detrimento da produción de bens de uso e consumo, o cal repercutiu negativamente na calidade de vida da poboación.
Con todo, a URSS pasou a ser xa nos anos 30 unha potencia industrial de primeira orde.